xoves, 4 de decembro de 2025

Libro de Nadal

Que agradecida é a Balteira! Como lle andamos a remexer os fondos, tiña preparada unha sorpresa cando chegaramos ao D.

Isto que vos estou a contar parece un galimatías pero, en breve, farase a luz ao final deste túnel ficticio no que nos adentramos para que poidades atopar mais rapidamente os libros que procurades na Biblioteca.

En fin, o dito, que cando chegamos ao D e rematamos de ordenar os fondos de Charles Dickens, as linguas falaron entre elas e chegaron á conclusión de que o libro de Nadal non podía ser outro que A Christmas Carol ou Un conto de Nadal ou Cuento de Navidad… Quen dá máis?

Desde a Biblioteca do IES Mendiño facemos esta invitación á lectura deste “librito espectral” que o novelista inglés adicou aos seus innumerables lectores no mes de decembro de 1843.

Por outra banda, gardaba a Balteira no refaixo Cuentos de Navidad, unha excelente escolma de relatos preparada pola tamén escritora Marta Rivera de la Cruz: Dostoievski, Maupassant, Scott Fitzgerald, Emilia Pardo Bazán, Chéjov, Rubén Darío e, como non, Ramón del Valle-Inclán figuran entre outros nomes nesta antoloxía.

Con estes agasallos sorpresa da Balteira facemos unha aposta polo plurilingüismo, sempre enriquecedor, por un clásico tanto en versión orixinal como en versión adaptada e, como non, polo espírito do Nadal. Que este encha de paz e bondade as vosas vidas!

E non esquezas que Walt Disney Pictures tamén ofrece da man de Robert Zemeckis a versión cinematográfica de 2009 como recreación do relato de Charles Dickens.