mércores, 11 de novembro de 2026

Mensaxe da Balteira

Benquerido lector, benquerida lectora:

Hoxe aproveito para informarvos sobre o horario no que sempre haberá un profesor ou profesora que atenderá as túas necesidades no espazo físico, que tan fermoso está a piques de quedar.

Tamén quero presentarche ao equipo de biblioteca, interdisciplinar, que estará implicado no desenvolvemento das actividades durante este curso 2026-2027.

Finalmente, deixo aquí sinaladas as liñas de actuación que van deseñar a travesía conxunta na que agardamos que disfrutes tanto coma nós: 

1. Actualización dos fondos de ficción e de non ficción da biblioteca, ante todo libros divulgativos para público xuvenil.

2. Dinamización formativa do alumnado como usuario no espazo físico da biblioteca, dos seus fondos e do catálogo Koha para mellorar a súa autonomía.

3. Deseño dunha zona dentro do recuncho da calma para que o alumnado poida desenvolver a súa creatividade.

4. Dotación de ordenadores portátiles no espazo da biblioteca para facilitar o acceso do alumnado á lectura, á escritura e o acceso á información.

5. Revisión da CDU nos libros de non ficción e reetiquetado destes para adecualos á CDU simplificada correcta.

6. Actualización constante do blog “A Balteira: Biblioteca do IES Mendiño”, para que o traballo desenvolvido na biblioteca sexa coñecido por toda a comunidade educativa e poida proxectarse cara ao exterior do centro.

7. Consolidación da figura de "A Balteira" como marca e sinal de identidade da nosa biblioteca e eixe central das actividades de extensión cultural, continuando a metodoloxía de "vestir" o seu espazo e a saia temática en función das efemérides pero de xeito máis didáctico e en conexión coa ALFIN.

8. Programación de sesións breves e sistemáticas de lectura en voz alta na biblioteca durante o tempo do recreo con alumnado voluntario.

9. Reestruturación da “Hora de Ler” e campaña de sensibilización cara ao claustro para elevar o grao de implicación colectiva nesta práctica transversal.

10. Consolidación dun equipo estable de biblioteca que traballe de xeito transversal cos diferentes departamentos didácticos, co ENDL...

11. Desenvolvemento dun PFPP sobre o traballo na biblioteca en colaboración coa persoa da Asesoría de Bibliotecas asignada ao centro.  

Almudena Suárez Cerviño (coordinadora)

Relixión Católica

Catalina Míguez Vilas

Lingua e Literatura Castelá

Miguel Rancaño Míguez

Lingua e Literatura Galega

José Luis Míguez Acuña

Lingua e Literatura Galega

Alicia Pazos Otero

Lingua e Literatura Castelá

Olga Fernández Nogueira

Lingua e Literatura Galega

Antía Lorenzo San José

Lingua e Literatura Castelá

Lucía Nores Fernández

Música

Susana Isabel Ferradás Otero

Educación Plástica

Mónica Tortajada Bermúdez

Tecnoloxía

Alberto López Liñares

Matemáticas

sábado, 24 de outubro de 2026

Con fío vermello: da amizade e da convivencia en paz entre lecturas

Parabéns, Balteira!

Porque hoxe sábado, 24 de outono, festexamos o Días das Bibliotecas, o teu día.

Supoño que onte, venres, quedaches leda porque o alumnado do IES Mendiño acudiu a darche moitos aloumiños, que ben os mereces. 

Non só desapareceron as larpeiradas en cuestións de segundos, senón que todos e todas solicitaban o teu fío vermello para levar un símbolo cromático no pulso. Tamén saían ilusionados e ilusionadas coas chapas e cos marcapáxinas.

A lenda xaponesa do fío vermello do destino ou do amor ("unmei no akai ito") conta que os deuses ataban arredor do nocelo ou do dedo maimiño do recén nado un fío invisible para simbolizar o encontro futuro coa persoa que o ía querer. 

O equipo da Biblioteca aproveitou o símbolo para tecer os teitos do instituto desde a entrada ao centro ata a Balteira. Do fío de la vermella penduramos as cubertas de libros divulgativos, que con urxencia precisamos no útero da nosa xograresa, xunto cos rostros de mulleres escritoras homenaxeadas ao longo deste 2026 por múltiples motivos.

O profesor Miguel Rancaño deseñou unha fermosa infografía que ao longo da semana explicará ao alumnado o valor desa mensaxe.

Este ano o lema elixido valora de xeito especial aos encargados/-as das Bibliotecas: "Sen profesionais, non hai bibliotecas". E a escritora Irene Vallejo, Premio Nacional de Ensaio, exerce como protagonista no vídeo conmemorativo. Aquí deixamos enlace para que poidades aprender un chisco máis e para que saibades querer á Balteira, pois ela moito vos quere a vós. 

Ministerio de Cultura

mércores, 21 de outubro de 2026

Un 2026 conmemorativo con nome de muller

Por que este luns 19 de outubro tocou a celebración do Día das Escritoras? Porque cadra preto do 15 e, todos os anos desde 2016, cómpre lembrar á santa de Ávila.

Como o obxectivo non é outro que tomar conciencia perante a extraordinaria contribución de tantas mulleres á cultura, notoriamente á literatura, a Balteira pensou que 2026 resultou e resulta aínda un ano feminino pola coincidencia no tempo de tantas efemérides: 175 anos da morte de Mary Shelley, 100 anos dos nacementos de Josefina Aldecoa e de Harper Lee, 175 anos do nacemento de Emilia Pardo Bazán, 50 anos da publicación de Fragmentos de interior de Carmen Martín Gaite, 75 anos da publicación de Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar…

Entón, organizamos desde a Biblioteca unha actividade que, por unha banda, desexa dar a coñecer e, pola outra, pretende que o alumnado se informe para aprender. O profesor de Matemáticas, Alberto López, deseñou un “kahoot”; o profesor Miguel Rancaño elaborou en "canvas" os carteis informativos de cada escritora; e, como non, Euxenio creou os fermosos petos que deslumbran na saia da Balteira.

O alumnado poderá desenvolver a actividade nas horas lectivas desde esta dirección en liña: 

O enigma da Balteira 

Asemade, deixamos varios enlaces para que, se vos interesa, enriquezades a vosa curiosidade cultural. 

Ministerio de Educación

Biblioteca Nacional de España  

Paga a pena coñecer o labor realizado polo Lyceum Club Femenino, fundado en Madrid en 1926, do que se cumpre o centenario e polo que camiñaron figuras da talla de María de Maeztu, Clara Campoamor, Victoria Kent, Zenobia Camprubí, María Lejárraga e Elena Fortún, entre outras. Concibíano como espazo de encontro para mulleres interesadas na vida intelectual, artística, cultural e pública. De aí o lema elixido este ano para festexar un día tan sinalado: “Las amigas como forma de libertad”.

domingo, 18 de outubro de 2026

A toda máquina!

Mañá luns, 19 de outubro, arranca a primeira hora da mañá HORA DE LER.

É un día moi especial, como veredes na vindeira entrada: neste novo curso a conmemoración do DÍA DAS ESCRITORAS coincide xustamente o 19 de outubro.

Grazas ao profesor Miguel Rancaño, o cartel quedou fermosísimo e xa o tendes nas vosas aulas para que non vos esquezades semanalmente de a que hora nós irá tocando desfrutar do pracer de ler.

Precisamente, para que desfrutedes e para que aprendades, é dicir, dacordo coa máxima horaciana do prodesse et delectare, a Balteira preparouvos caixas de cores por nivel educativo e por aula. 

A elección é maioritariamente de novela gráfica, cómic, revistas e libro divulgativo pois pensamos que xa vós traedes das casas libros de ficción. Queremos, xa que logo, que descubrades ben á Balteira porque ela agocha tesouros dos que, se cabe, non sabiades que durmían nos seus andeis.

Botade unha olladiña ás normas que só pretenden, coma sempre, un bo funcionamento desta hora semanal tan hedonista. Xa sabedes...: senso común!

Por amor á Balteira!

Por se non queres caldo, sete tazas!

Onte sábado dúas balteiras marcharon a Santiago para asistir ás Xornadas de Bibliotecas Escolares. Este curso o foco de atención situouse na información como paso previo ao coñecemento. Dous ponentes tanto na conferencia de inauguración como na de clausura, falaron sobre as Intelixencias Artificiais. 

Para nós as mesas máis interesantes e nas que aprendemos a man cheas foron aquelas nas que outros centros compartiron ilusión, moito traballo magnificamente desenvolvido e aportaron suxerencias, iniciativas que poden, co tempo, ter bo encaixe na nosa Balteira.

Traemos con nós tantas referencias bibliográficas sobre libro de non ficción, é dicir, sobre fondos informativos para os que temos xa preparadiño e organizado o espazo na Biblioteca, que xa podemos ir mercando boletos de lotería porque precisamos con urxencia cartiños e máis cartiños.

Compartimos con vós varios documentos: o programa das xornadas, o agasallo do camiño lector para o que xa nos peta na cachola unha iniciativa vencellada coa hora de ler, e o folleto que aporta moitas e interesantes lecturas de libro divulgativo.

En fin, cansas pero moi satisfeitas!