Chegou maio e rematamos as actividades do curso do mellor xeito posible: coa
porta da literatura que, como ben sabedes, é unha porta sempre aberta. Maio,
mes das flores, foi tamén un maio literario. Porque como ben di un dos carteis
presentes no Mendiño: en tempos de tantas pantallas e de tanta IA, ler é un
acto revolucionario.
Todo comezou como comezan as mellores cousas: compartindo un café. Mónica Tortajada,
a profesora de Tecnoloxía, falounos dunha actividade que consistía en recrear
libros a tamaño real e en tres dimensións. Encantounos e... puxémonos mans á
obra.
Mandamos un correo a todo o persoal docente e non docente do centro
pedíndolle que nos indicase o título dun libro especial para cadaquén. Fíxose
unha listaxe de aproximadamente 60 títulos que dividimos en catro partes, de
xeito que as tres persoas docentes de Tecnoloxía (Mónica, Ana e Pedro Pablo) e
a coordinadora de biblioteca encargáronse cada unha de 15 exemplares que
recreamos a dimensión real en 3D e pegamos pola entrada do centro.

Esta exposición de libros, cada un coa súa plica, estivo acompañada por
outra exposición artística comisariada polo gran Euxenio, quen reciclou as
caixas das fresas, pintándoas de dourado e pegándolle papel kraft de cores.
Convertéronse así en fermosos marcos que non desmerecían os do Museo do Prado.
Xa tiñamos o marco, agora faltaban as obras de arte, que eran debuxos e frases
ao respecto da lectura. Frases do tipo: “primeiro Leo, después Messi”; “o meu
signo é leo”; “se as súas crianzas non lle piden que lles regale libros, regale
ás súas crianzas”, “haber se les”.... vestiron literariamente o Mendiño.
Seguro que vos estades preguntando pola Balteira. Pois a Balteira
transformouse en Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada este ano o Día das
Letras Galegas.
En fin, unha entrada e unha saída
do centro cheas de boa literatura e de boa información lectora. Deixamos aquí outra fotiño para que poidades desfrutar:
Na imaxe elixida, cadro de Allan R. Banks, "Leyendo en una tarde soleada".