xoves, 28 de maio de 2026

Na estela da ALFIN I

Tras a proposta de nomear a biblioteca do IES e co fin de coñecermos a relevancia da figura da soldadeira María Perez, a Balteira, o alumnado de terceiro da ESO realizou un traballo de investigación a modo de aprendizaxe servizo baixo a coordinación do profesor de Lingua galega e literatura, Miguel Rancaño Míguez. 

Como produto final elaborouse unha infografía exposta na biblioteca e acompañada dun cuestionario de ampliación de información. 

Entre os obxectivos desta proposta destacamos o tratamento da información a partir dunha busca activa en diferentes fontes bibliográficas, así como outras competencias transversais como a competencia en lectura e en expresión oral e escrita, a autonomía, a educación en igualdade e a reflexión crítica.

 

Pola súa banda, Almudena Suárez, profesora de Relixión Católica, apostou no mes de maio pola máis radical modernidade co alumnado de 1º e de 2º de ESO. Este buscou información ao respecto dos personaxes bíblicos e, logo de redactar unha breve biografía, cos computadores E-dixgal e coa axuda da IA converteu estes personaxes en heroes e heroínas ou en villanos/-as.

E, o alumnado de 4º de ESO desenvolveu a actividade Bibliagram, consistente en elaborar perfís de "Instagram" para os personaxes bíblicos a partires da realización da súa biografía. Estas actividades desenvolvidas coa IA tamén nos permitiron analizar o sesgo de xénero desta potente ferramenta, pois as figuras masculinas aparecen sempre moi poderosas e as femininas, demasiado sexualizadas. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario