Amosando publicacións coa etiqueta anuncios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta anuncios. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de novembro de 2026

Mensaxe da Balteira

Benquerido lector, benquerida lectora:

Hoxe aproveito para informarvos sobre o horario no que sempre haberá un profesor ou profesora que atenderá as túas necesidades no espazo físico, que tan fermoso está a piques de quedar.

Tamén quero presentarche ao equipo de biblioteca, interdisciplinar, que estará implicado no desenvolvemento das actividades durante este curso 2026-2027.

Finalmente, deixo aquí sinaladas as liñas de actuación que van deseñar a travesía conxunta na que agardamos que disfrutes tanto coma nós: 

1. Actualización dos fondos de ficción e de non ficción da biblioteca, ante todo libros divulgativos para público xuvenil.

2. Dinamización formativa do alumnado como usuario no espazo físico da biblioteca, dos seus fondos e do catálogo Koha para mellorar a súa autonomía.

3. Deseño dunha zona dentro do recuncho da calma para que o alumnado poida desenvolver a súa creatividade.

4. Dotación de ordenadores portátiles no espazo da biblioteca para facilitar o acceso do alumnado á lectura, á escritura e o acceso á información.

5. Revisión da CDU nos libros de non ficción e reetiquetado destes para adecualos á CDU simplificada correcta.

6. Actualización constante do blog “A Balteira: Biblioteca do IES Mendiño”, para que o traballo desenvolvido na biblioteca sexa coñecido por toda a comunidade educativa e poida proxectarse cara ao exterior do centro.

7. Consolidación da figura de "A Balteira" como marca e sinal de identidade da nosa biblioteca e eixe central das actividades de extensión cultural, continuando a metodoloxía de "vestir" o seu espazo e a saia temática en función das efemérides pero de xeito máis didáctico e en conexión coa ALFIN.

8. Programación de sesións breves e sistemáticas de lectura en voz alta na biblioteca durante o tempo do recreo con alumnado voluntario.

9. Reestruturación da “Hora de Ler” e campaña de sensibilización cara ao claustro para elevar o grao de implicación colectiva nesta práctica transversal.

10. Consolidación dun equipo estable de biblioteca que traballe de xeito transversal cos diferentes departamentos didácticos, co ENDL...

11. Desenvolvemento dun PFPP sobre o traballo na biblioteca en colaboración coa persoa da Asesoría de Bibliotecas asignada ao centro.  

Almudena Suárez Cerviño (coordinadora)

Relixión Católica

Catalina Míguez Vilas

Lingua e Literatura Castelá

Miguel Rancaño Míguez

Lingua e Literatura Galega

José Luis Míguez Acuña

Lingua e Literatura Galega

Alicia Pazos Otero

Lingua e Literatura Castelá

Olga Fernández Nogueira

Lingua e Literatura Galega

Antía Lorenzo San José

Lingua e Literatura Castelá

Lucía Nores Fernández

Música

Susana Isabel Ferradás Otero

Educación Plástica

Mónica Tortajada Bermúdez

Tecnoloxía

Alberto López Liñares

Matemáticas

domingo, 18 de outubro de 2026

A toda máquina!

Mañá luns, 19 de outubro, arranca a primeira hora da mañá HORA DE LER.

É un día moi especial, como veredes na vindeira entrada: neste novo curso a conmemoración do DÍA DAS ESCRITORAS coincide xustamente o 19 de outubro.

Grazas ao profesor Miguel Rancaño, o cartel quedou fermosísimo e xa o tendes nas vosas aulas para que non vos esquezades semanalmente de a que hora nós irá tocando desfrutar do pracer de ler.

Precisamente, para que desfrutedes e para que aprendades, é dicir, dacordo coa máxima horaciana do prodesse et delectare, a Balteira preparouvos caixas de cores por nivel educativo e por aula. 

A elección é maioritariamente de novela gráfica, cómic, revistas e libro divulgativo pois pensamos que xa vós traedes das casas libros de ficción. Queremos, xa que logo, que descubrades ben á Balteira porque ela agocha tesouros dos que, se cabe, non sabiades que durmían nos seus andeis.

Botade unha olladiña ás normas que só pretenden, coma sempre, un bo funcionamento desta hora semanal tan hedonista. Xa sabedes...: senso común!

Por amor á Balteira!

Por se non queres caldo, sete tazas!

Onte sábado dúas balteiras marcharon a Santiago para asistir ás Xornadas de Bibliotecas Escolares. Este curso o foco de atención situouse na información como paso previo ao coñecemento. Dous ponentes tanto na conferencia de inauguración como na de clausura, falaron sobre as Intelixencias Artificiais. 

Para nós as mesas máis interesantes e nas que aprendemos a man cheas foron aquelas nas que outros centros compartiron ilusión, moito traballo magnificamente desenvolvido e aportaron suxerencias, iniciativas que poden, co tempo, ter bo encaixe na nosa Balteira.

Traemos con nós tantas referencias bibliográficas sobre libro de non ficción, é dicir, sobre fondos informativos para os que temos xa preparadiño e organizado o espazo na Biblioteca, que xa podemos ir mercando boletos de lotería porque precisamos con urxencia cartiños e máis cartiños.

Compartimos con vós varios documentos: o programa das xornadas, o agasallo do camiño lector para o que xa nos peta na cachola unha iniciativa vencellada coa hora de ler, e o folleto que aporta moitas e interesantes lecturas de libro divulgativo.

En fin, cansas pero moi satisfeitas! 

 

martes, 6 de outubro de 2026

Saúdo da Balteira

Benquerida lectora, benquerido lector:

Outra nova tempada para a nosa protagonista que está de noraboa pois, grazas ao traballo desenvolvido o curso pasado, a Consellería de Educación desde a súa Asesoría de Bibliotecas Escolares vén de facer oficial a concesión presupostaria anual: 1265 euros cos que renovar o fondo de armario da nosa benquerida Balteira. 

No noso concello de Redondela, xunto co colexio Santa Mariña, é a gañadora.

En breve, imos compartir con vós as liñas de actuación que guiarán os seus pasos nesta nova andaina que, un curso máis, percorremos con ilusión e con moita ledicia.

Queremos tamén expresar a nosa gratitude aos/ás docentes que fixeron posible o éxito de moitas iniciativas durante o curso pasado.

Punto e seguido, xa que logo, pero con cita: 

"Somos los únicos animales que fabulan, que ahuyentan la oscuridad con cuentos, que gracias a los relatos aprenden a convivir con el caos, que avivan los rescoldos de las hogueras con el aire de sus palabras, que recorren largas distancias para llevar sus historias a los extraños. Y cuando compartimos los mismos relatos, dejamos de ser extraños." (Irene Vallejo, El infinito en un junco). 

sábado, 30 de maio de 2026

Balteiradas

Houbo moitas e variadas durante este curso 2025-2026 como xa amosamos neste blog.

Pero, na derradeira entrada había que recopilar aqueles produtos de "merchandising" que tamén coidaron con mimo a estética e que buscan atraer aos usuarios/-as, ao tempo que fan máis visible a Biblioteca do instituto: xa sempre, A Balteira. 

Na imaxe eliximos a chapa con logo deseñado pola profesora Susana Ferradás e con texto da profesora Olga Nogueira.

Outros detalliños foron os marcapáxinas e os agasallos:

Con repique de campás aquí compartimos a renovada guía da Biblioteca, agora rescatada. Grazas ao profesor Miguel Rancaño polo "savoir faire" violeta:

xoves, 28 de maio de 2026

Vestida de Prada sen demos!

Chegados case ao remate do curso, a que se adicou mes tras mes a nosa benquerida compañeira María A Balteira? 

Pois non só a artellar todas as actividades das que demos cumprida conta no seu blog, senón tamén a reorganizar os fondos, tanto os de ficción como os informativos porque estes andaban xuntos e moi revoltos. E, aínda, nesas estamos porque é o conto de nunca acabar...

Pero, como tamén a Balteira foi de compras, ela que é ben presumida trouxo ata mobles novos, vinilos, cartelería fina que fan do espazo igualitario e colectivo, que todos e todas compartimos, o útero acolledor e morniño que tanto lle gusta visitar ao alumnado durante os recreos.

Pois nada, botade unha ollada ás fotografías que amosan o traballo desenvolvido paso a paso e, ante todo, non vos esquezades de que en setembro aquí seguiremos máis e mellor ca nunca. 

Así luce a porta principal de entrada á Balteira:

Tachán! Con todos e con todas vós a zona de lectura relaxada pero en silencio, que fai tamén por veces función de espazo da calma no instituto: 

 Preparados e preparadas para entrar pola porta violeta? Así estou de linda por dentro!:

espazo dos xogos e de cómic 
zona de traballo e mesas para xadrez ao fondo 
lugar de traballo e de estudo 
 
E, grazas ao noso benquerido Euxenio, o vindeiro curso será toda unha experiencia ir na procura dos fondos de ficción pois a sinaléctica deseñada por este profesional da arte nada envexa ás letras capitulares valleinclanianas:
 

luns, 16 de febreiro de 2026

Día da muller e da nena na ciencia

Benquerido/-a lector/-a:

A Balteira acolleuse tamén á iniciativa de celebrar o 11 de febreiro, que desde 2016 conmemora o Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia por decisión en 2015 da Asamblea Xeral da Organización das Nacións Unidas para recoñecer o papel clave que desenvolven na comunidade científica e na tecnoloxía.

É, claramente, unha iniciativa entroncada coa igualdade de xénero pois pretende romper coa fenda existente e promover o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas nos campos da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñería e das matemáticas: pensade que, segundo a UNESCO, as mulleres tan só representan menos dun terzo na comunidade investigadora mundial. Cómpre, pois, máis empoderamento no eido científico!

Este ano cambia o enfoque, da reflexión ás solucións prácticas e con visión de futuro para construír ecosistemas STEM máis inclusivos. 

Na Biblioteca do IES Mendiño puxemos o noso granciño con varias iniciativas: a saia da Balteira encheuse de mulleres científicas e empoderadas; as alumnas de 1º de Bacharelato deseñaron un fermoso cartel alusivo á efeméride; a profesora máis creativa e artística do centro, Susana, preparoulle a camiseta á Balteira científica; e, no espazo da Biblioteca, instalamos unha mesa temática para que o alumnado poidese achegarse ás aportacións das mulleres no eido científico.

E, asemade, desexamos compartir con vós varias iniciativas que poden enriquecer a nosa mirada nos seguintes enlaces:

Páxina da ONU

Páxina do Ministerio de Ciencia 

Portal da Consellería de Educación 

Día da paz

Un 30 de xaneiro de 1948 foi asasinado Mahatma Gandhi, líder mundial que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza.

No IES Mendiño non quixemos deixar pasar de longo este día. O alumnado debuxou as siluetas das súas mans en folios a cores como sinal do seu compromiso coa non violencia. Logo, colocamos esas mans como as follas da árbore da paz que todas e todos estamos chamadas e chamados a construír para que nela poidan aniñar as pombas dos Dereitos Humanos.

Desde o equipo da Biblioteca e coa colaboración do ENDL do centro vestimos á Balteira  con poemas en diferentes linguas e de distintos autores e autoras cunha mesma temática, a paz, e adornámola cunha fermosa pomba en forma de broche deseñada en exclusiva para ela pola nosa profesora de Plástica, Susana.

Nun mundo frío, violento, insolidario e individualista, desde o IES Mendiño seguimos apostando pola educación para a paz como o único medio de mudar tanta inxustiza. Porque, como ben dixo Gandhi: "Non hai camiño para a paz; a paz é o camiño". 

martes, 25 de novembro de 2025

De loito e coa porta violeta

Hoxe é 25N. E desde 1999, hoxe tamén é un día para lembrar e para reivindicar. Para lembrar que nun día como o de hoxe hai 65 anos asasinaron ás irmás Mirabal, as bolboretas, porque lle dixeron NON a un ditador, Rafael Trujillo. Un non que onte e hoxe sega vidas.

Mais tamén un día para reivindicar que Patria, Minerva e María Teresa teñen hoxe outros nomes e outros rostros; pero a mesma sorte. Reivindicamos a Karilenia, Catalina, Doreen, Eva, Andrea, Joana, Josefa, Diana, Marta, Rocío, Miriam, María, Pilar, Maritza, Zunilda, Marisa, Alejandra, Susana, Mª del Carmen, Ramy Virginia, Josefina, Lola, Mercedes, Ilham, Rosalía, Mercedes, Ginesa, Jacqueline, Eva, Verónica, Yolanda, Marta, Ainhoa, Zahra, Cristina, Eugenia, Silvia, Pilar, Marisol e tamén ás tres crianzas vítimas da violencia vicaria: Nadia (5 anos), Eva Yasmin (13 anos) e Samuel (2 anos). 

Elas son o motivo polo que, desgrazadamente un ano máis, temos que saír ás rúas e abrir os nosos ollos para descubrir as diferentes máscaras baixo as que se agocha o patriarcado para sementar silencio, invisibilidade e sempre morte a través das diferentes violencias: física, psicolóxica, económica, vicaria....


Por iso puxemos á Balteira de loito: a súa camiseta é negra; a súa saia está feita de lápidas co nome destas corenta e tres vítimas. Son tantas, que tivemos que superpolas nas capas da saia.

Aquí tedes a resposta todas aquelas persoas que comentades: “también hay hombres maltratados por sus mujeres”. As 43 mulleres despoxadas da súa dignidade que visten a Balteira son a resposta.

xoves, 20 de novembro de 2025

Con amor a Sofía

Hoxe, 20 de novembro de 2025, por ser o terceiro xoves do mes de Santos, celébrase o Día Mundial da Filosofía. A UNESCO así o proclamou no ano 2005 para salientar o valor desta disciplina para o desenvolvemento do pensamento humano, para cada cultura e cada individuo.

Tamén a nosa Balteira se suma á conmemoración e quere subliñar, da man de Sofía, que son moitas as preguntas para pensar, para reflexionar aínda que non resulte doado dar coas respostas. Velaí o reto, sen dúbida, apaixoante.

Na obra de Jostein Gaarder, que vos aconsellamos, a protagonista conta cun misterioso profesor particular de Filosofía que, con desafíos constantes, busca espertar nela o asombro ante múltiples cuestións tratadas: a complexidade da verdade, o senso da vida, a mensaxe radical de salvación defendida por Xesús, o entusiasmo de Platón polas Matemáticas…

Agardamos que nalgún instante da vosa vida deixedes que a Filosofía entre pola porta da reflexión e do coñecemento.

venres, 31 de outubro de 2025

Un "outfit" renovado para a Balteira

Á Balteira góstalle moito cambiar o fondo de armario e tamén é moi nostálxica. Como botaba en falta a súa zona de lectura en silencio, reivindicou os seus dereitos.

Supoñemos que xa vos decatástedes, desde o arranque deste curso 2025-2026, dos cambios que buscan crear un ambiente con orde e con encanto nos dous espazos principais da Biblioteca do centro: a zona de estudo e de xestión dos fondos; a de lectura en silencio a carón da radio.

Aínda queda moito traballo por facer, mais as diferencias entre como a atopamos o 1 de setembro e a día de hoxe podedes comparalas deste xeito:

ANTES