mércores, 21 de outubro de 2026

Un 2026 conmemorativo con nome de muller

Por que este luns 19 de outubro tocou a celebración do Día das Escritoras? Porque cadra preto do 15 e, todos os anos desde 2016, cómpre lembrar á santa de Ávila.

Como o obxectivo non é outro que tomar conciencia perante a extraordinaria contribución de tantas mulleres á cultura, notoriamente á literatura, a Balteira pensou que 2026 resultou e resulta aínda un ano feminino pola coincidencia no tempo de tantas efemérides: 175 anos da morte de Mary Shelley, 100 anos dos nacementos de Josefina Aldecoa e de Harper Lee, 175 anos do nacemento de Emilia Pardo Bazán, 50 anos da publicación de Fragmentos de interior de Carmen Martín Gaite, 75 anos da publicación de Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar…

Entón, organizamos desde a Biblioteca unha actividade que, por unha banda, desexa dar a coñecer e, pola outra, pretende que o alumnado se informe para aprender. O profesor de Matemáticas, Alberto López, deseñou un “kahoot”; o profesor Miguel Rancaño elaborou en "canvas" os carteis informativos de cada escritora; e, como non, Euxenio creou os fermosos petos que deslumbran na saia da Balteira.

O alumnado poderá desenvolver a actividade nas horas lectivas desde esta dirección en liña: 

O enigma da Balteira 

Asemade, deixamos varios enlaces para que, se vos interesa, enriquezades a vosa curiosidade cultural. 

Ministerio de Educación

Biblioteca Nacional de España  

Paga a pena coñecer o labor realizado polo Lyceum Club Femenino, fundado en Madrid en 1926, do que se cumpre o centenario e polo que camiñaron figuras da talla de María de Maeztu, Clara Campoamor, Victoria Kent, Zenobia Camprubí, María Lejárraga e Elena Fortún, entre outras. Concibíano como espazo de encontro para mulleres interesadas na vida intelectual, artística, cultural e pública. De aí o lema elixido este ano para festexar un día tan sinalado: “Las amigas como forma de libertad”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario