Amosando publicacións coa etiqueta libro do mes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libro do mes. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de decembro de 2025

Libro de Nadal

Que agradecida é a Balteira! Como lle andamos a remexer os fondos, tiña preparada unha sorpresa cando chegaramos ao D.

Isto que vos estou a contar parece un galimatías pero, en breve, farase a luz ao final deste túnel ficticio no que nos adentramos para que poidades atopar mais rapidamente os libros que procurades na Biblioteca.

En fin, o dito, que cando chegamos ao D e rematamos de ordenar os fondos de Charles Dickens, as linguas falaron entre elas e chegaron á conclusión de que o libro de Nadal non podía ser outro que A Christmas Carol ou Un conto de Nadal ou Cuento de Navidad… Quen dá máis?

Desde a Biblioteca do IES Mendiño facemos esta invitación á lectura deste “librito espectral” que o novelista inglés adicou aos seus innumerables lectores no mes de decembro de 1843.

Por outra banda, gardaba a Balteira no refaixo Cuentos de Navidad, unha excelente escolma de relatos preparada pola tamén escritora Marta Rivera de la Cruz: Dostoievski, Maupassant, Scott Fitzgerald, Emilia Pardo Bazán, Chéjov, Rubén Darío e, como non, Ramón del Valle-Inclán figuran entre outros nomes nesta antoloxía.

Con estes agasallos sorpresa da Balteira facemos unha aposta polo plurilingüismo, sempre enriquecedor, por un clásico tanto en versión orixinal como en versión adaptada e, como non, polo espírito do Nadal. Que este encha de paz e bondade as vosas vidas!

E non esquezas que Walt Disney Pictures tamén ofrece da man de Robert Zemeckis a versión cinematográfica de 2009 como recreación do relato de Charles Dickens.

luns, 3 de novembro de 2025

Libro de Santos

No ano 2001 a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Por esta razón, desde hai xa anos novembro pasou a ser Mes da Ciencia. E, asemade, o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego para amosar que a nosa lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
 
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) conmemora o XVI Día da Ciencia en Galego e neste ano 2025 porá o foco na celebración do “Ano Internacional das Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas”.

E nós? Pois o libro do mes de Santos non podía ser outro que un informativo escrito en galego arredor da ciencia. Coidamos que o formato é ideal para 1º de ESO e 2º de ESO pois en cada páxina son moitas as ilustracións. A estrutura pregunta e resposta fará de todos e de todas persoas máis enxeñosas e sabedoras do que acontece ó noso arredor.

Olla!: a Balteira de científica!

domingo, 5 de outubro de 2025

Libro de outubro

Neste mes de outubro tamén nace outra actividade de fomento da lectura: o libro do mes. 

Coa chegada do outono, que se fai de rogar, imos propoñer unha lectura sabia e amena, comprometida coa igualdade e con nome de muller.

Cando reflexionas sobre o título, arrepíaseche o corpo: tan só 58 mulleres destacaron fronte a 885 homes que si conseguiron o galardón do Premio Nobel?

Este traballo magnífico de visibilización foi realizado polo alumnado do noso IES Mendiño e ideado pola actual coordinadora da Biblioteca durante este bienio 2025-2027, Almudena Suárez Cerviño. Si, si, a profesora de Relixión Católica do IES Mendiño!

Concibiuno, como ela nos aclara no prólogo, con varios obxectivos acadados con sumo acerto tanto na síntese de imaxe e biografía, como na maquetación do libro. Como vedes, xa diriximos a ollada cara o libro de non ficción para saber máis mentres tomamos conciencia fronte a realidade.