Por se non queres caldo, sete tazas!
Onte sábado dúas balteiras marcharon a Santiago para asistir ás Xornadas de Bibliotecas Escolares. Este curso o foco de atención situouse na información como paso previo ao coñecemento. Dous ponentes tanto na conferencia de inauguración como na de clausura, falaron sobre as Intelixencias Artificiais.
Para nós as mesas máis interesantes e nas que aprendemos a man cheas foron aquelas nas que outros centros compartiron ilusión, moito traballo magnificamente desenvolvido e aportaron suxerencias, iniciativas que poden, co tempo, ter bo encaixe na nosa Balteira.
Traemos con nós tantas referencias bibliográficas sobre libro de non ficción, é dicir, sobre fondos informativos para os que temos xa preparadiño e organizado o espazo na Biblioteca, que xa podemos ir mercando boletos de lotería porque precisamos con urxencia cartiños e máis cartiños.
Compartimos con vós varios documentos: o programa das xornadas, o agasallo do camiño lector para o que xa nos peta na cachola unha iniciativa vencellada coa hora de ler, e o folleto que aporta moitas e interesantes lecturas de libro divulgativo.
En fin, cansas pero moi satisfeitas!





Ningún comentario:
Publicar un comentario