martes, 25 de novembro de 2025

De loito e coa porta violeta

Hoxe é 25N. E desde 1999, hoxe tamén é un día para lembrar e para reivindicar. Para lembrar que nun día como o de hoxe hai 65 anos asasinaron ás irmás Mirabal, as bolboretas, porque lle dixeron NON a un ditador, Rafael Trujillo. Un non que onte e hoxe sega vidas.

Mais tamén un día para reivindicar que Patria, Minerva e María Teresa teñen hoxe outros nomes e outros rostros; pero a mesma sorte. Reivindicamos a Karilenia, Catalina, Doreen, Eva, Andrea, Joana, Josefa, Diana, Marta, Rocío, Miriam, María, Pilar, Maritza, Zunilda, Marisa, Alejandra, Susana, Mª del Carmen, Ramy Virginia, Josefina, Lola, Mercedes, Ilham, Rosalía, Mercedes, Ginesa, Jacqueline, Eva, Verónica, Yolanda, Marta, Ainhoa, Zahra, Cristina, Eugenia, Silvia, Pilar, Marisol e tamén ás tres crianzas vítimas da violencia vicaria: Nadia (5 anos), Eva Yasmin (13 anos) e Samuel (2 anos). 

Elas son o motivo polo que, desgrazadamente un ano máis, temos que saír ás rúas e abrir os nosos ollos para descubrir as diferentes máscaras baixo as que se agocha o patriarcado para sementar silencio, invisibilidade e sempre morte a través das diferentes violencias: física, psicolóxica, económica, vicaria....


Por iso puxemos á Balteira de loito: a súa camiseta é negra; a súa saia está feita de lápidas co nome destas corenta e tres vítimas. Son tantas, que tivemos que superpolas nas capas da saia.

Aquí tedes a resposta todas aquelas persoas que comentades: “también hay hombres maltratados por sus mujeres”. As 43 mulleres despoxadas da súa dignidade que visten a Balteira son a resposta.

xoves, 20 de novembro de 2025

Con amor a Sofía

Hoxe, 20 de novembro de 2025, por ser o terceiro xoves do mes de Santos, celébrase o Día Mundial da Filosofía. A UNESCO así o proclamou no ano 2005 para salientar o valor desta disciplina para o desenvolvemento do pensamento humano, para cada cultura e cada individuo.

Tamén a nosa Balteira se suma á conmemoración e quere subliñar, da man de Sofía, que son moitas as preguntas para pensar, para reflexionar aínda que non resulte doado dar coas respostas. Velaí o reto, sen dúbida, apaixoante.

Na obra de Jostein Gaarder, que vos aconsellamos, a protagonista conta cun misterioso profesor particular de Filosofía que, con desafíos constantes, busca espertar nela o asombro ante múltiples cuestións tratadas: a complexidade da verdade, o senso da vida, a mensaxe radical de salvación defendida por Xesús, o entusiasmo de Platón polas Matemáticas…

Agardamos que nalgún instante da vosa vida deixedes que a Filosofía entre pola porta da reflexión e do coñecemento.

mércores, 19 de novembro de 2025

Para mamis e papis II

Cantos quebradeiros de cabeza cos nosos fillos ao longo da vida! E, cantas ledicias, cantas experiencias enriquecedoras, cantas aprendizaxes xuntos/-as, canta vida traen ás nosas vidas!

Por  se aínda estades nesa franxa de pais e nais noviños/-as, a editorial Alba propón tres lecturas que, ogallá, axuden na apaixoante aventura de criar fillos/-as felices, responsables e boas persoas.

A primeira ofrece tamén a versión para nenas e o seu autor é un psicólogo infantil e terapeuta familiar de orixe australiana. O índice xa dá claves para saber cales son os asuntos tratados: as etapas na infancia, a relación entre nais e fillos, a sexualidade, o deporte, os cambios hormonais…

A segunda é un afondamento no cerebro do neno e brinda estratexias para axudarnos no desenvolvemento da intelixencia emocional a partir de situacións da vida cotiá. Empatía, ética, emocións, etc., desfilan polas páxinas deste libro xunto cos diálogos e as viñetas, nos que é imposible non verse reflexado/-a. Finalmente, para a seguinte fase evolutiva –dos doce aos vintecatro anos–precisamos Tormenta cerebral. Esta lectura pode funcionar como bo paraguas cando chegue a etapa do cambio que pode poñer o fogar patas arriba. O autor é profesor universitario de Psiquiatría e rompe no libro coa visión estereotipada da adolescencia por ser esta decisiva á hora de construír á persoa adulta na que acabarán convertidos os fillos/-as.
Bo proveito, xa que logo, cando vos animedes a solicitar estes fondos na Balteira, a Biblioteca do IES Mendiño.

luns, 3 de novembro de 2025

Libro de Santos

No ano 2001 a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Por esta razón, desde hai xa anos novembro pasou a ser Mes da Ciencia. E, asemade, o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego para amosar que a nosa lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.
 
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) conmemora o XVI Día da Ciencia en Galego e neste ano 2025 porá o foco na celebración do “Ano Internacional das Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas”.

E nós? Pois o libro do mes de Santos non podía ser outro que un informativo escrito en galego arredor da ciencia. Coidamos que o formato é ideal para 1º de ESO e 2º de ESO pois en cada páxina son moitas as ilustracións. A estrutura pregunta e resposta fará de todos e de todas persoas máis enxeñosas e sabedoras do que acontece ó noso arredor.

Olla!: a Balteira de científica!