martes, 6 de outubro de 2026

Saúdo da Balteira

Benquerida lectora, benquerido lector:

Outra nova tempada para a nosa protagonista que está de noraboa pois, grazas ao traballo desenvolvido o curso pasado, a Consellería de Educación desde a súa Asesoría de Bibliotecas Escolares vén de facer oficial a concesión presupostaria anual: 1265 euros cos que renovar o fondo de armario da nosa benquerida Balteira. 

No noso concello de Redondela, xunto co colexio Santa Mariña, é a gañadora.

En breve, imos compartir con vós as liñas de actuación que guiarán os seus pasos nesta nova andaina que, un curso máis, percorremos con ilusión e con moita ledicia.

Queremos tamén expresar a nosa gratitude aos/ás docentes que fixeron posible o éxito de moitas iniciativas durante o curso pasado.

Punto e seguido, xa que logo, pero con cita: 

"Somos los únicos animales que fabulan, que ahuyentan la oscuridad con cuentos, que gracias a los relatos aprenden a convivir con el caos, que avivan los rescoldos de las hogueras con el aire de sus palabras, que recorren largas distancias para llevar sus historias a los extraños. Y cuando compartimos los mismos relatos, dejamos de ser extraños." (Irene Vallejo, El infinito en un junco). 

martes, 2 de xuño de 2026

Libros de autor/-a

Aproveitando o curso "A biblioteca escolar como centro creativo das aprendizaxes" ao que asistiu a coordinadora da Balteira, Almudena Suárez, o alumnado de 1º de Bacharelato realizou orixinais libros de autor de temática libre. Con esta proposta trabállase a imaxinación, a búsqueda de materiais, a toma de decisións sobre o deseño e un longo etcétera.

En suma, A Balteira convertida en "Crealibro", en "Artelibro" na procura da beleza. Unha firme aposta polo libro como froito da creatividade.

Esta actividade sumamente fermosa aínda está en proceso, pero adiantamos xa unhas fotografías para ir abrindo boca... 

 

Entre xeracións anda o xogo

Isto é o mundo ao revés! En pleno mes de xuño a Balteira publica unha entrada de Nadal...

A Biblioteca, en colaboración con Vicedirección, o 19 de decembro serviu de punto de encontro  entre mozos/-as e maiores, dos que tanto aprendemos sempre. 

O convite recibírono tanto os usuarios do centro de día de Cesantes como os dos Galeóns. Falaron co alumnado de 3º e de 4º de ESO, encargados de entrevistalos na radio; compartiron chocolate con churros e asistiron ao concerto de panxoliñas e cantos populares organizado polo alumnado de Música coa súa docente Lucía Nores. E, tamén desfrutaron do espectáculo de maxia ofrecido pola ANPA do centro. Antes de marchar, recibiron como agasallo unha postal de Nadal creada polo alumnado de Plástica.

sábado, 30 de maio de 2026

Balteiradas

Houbo moitas e variadas durante este curso 2025-2026 como xa amosamos neste blog.

Pero, na derradeira entrada había que recopilar aqueles produtos de "merchandising" que tamén coidaron con mimo a estética e que buscan atraer aos usuarios/-as, ao tempo que fan máis visible a Biblioteca do instituto: xa sempre, A Balteira. 

Na imaxe eliximos a chapa con logo deseñado pola profesora Susana Ferradás e con texto da profesora Olga Nogueira.

Outros detalliños foron os marcapáxinas e os agasallos:

Con repique de campás aquí compartimos a renovada guía da Biblioteca, agora rescatada. Grazas ao profesor Miguel Rancaño polo "savoir faire" violeta:

xoves, 28 de maio de 2026

Vestida de Prada sen demos!

Chegados case ao remate do curso, a que se adicou mes tras mes a nosa benquerida compañeira María A Balteira? 

Pois non só a artellar todas as actividades das que demos cumprida conta no seu blog, senón tamén a reorganizar os fondos, tanto os de ficción como os informativos porque estes andaban xuntos e moi revoltos. E, aínda, nesas estamos porque é o conto de nunca acabar...

Pero, como tamén a Balteira foi de compras, ela que é ben presumida trouxo ata mobles novos, vinilos, cartelería fina que fan do espazo igualitario e colectivo, que todos e todas compartimos, o útero acolledor e morniño que tanto lle gusta visitar ao alumnado durante os recreos.

Pois nada, botade unha ollada ás fotografías que amosan o traballo desenvolvido paso a paso e, ante todo, non vos esquezades de que en setembro aquí seguiremos máis e mellor ca nunca. 

Así luce a porta principal de entrada á Balteira:

Tachán! Con todos e con todas vós a zona de lectura relaxada pero en silencio, que fai tamén por veces función de espazo da calma no instituto: 

 Preparados e preparadas para entrar pola porta violeta? Así estou de linda por dentro!:

espazo dos xogos e de cómic 
zona de traballo e mesas para xadrez ao fondo 
lugar de traballo e de estudo 
 
E, grazas ao noso benquerido Euxenio, o vindeiro curso será toda unha experiencia ir na procura dos fondos de ficción pois a sinaléctica deseñada por este profesional da arte nada envexa ás letras capitulares valleinclanianas: