venres, 24 de outubro de 2025

SON A BALTEIRA!

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas. No IES Mendiño conmemorámolo xunto co Día das Escritoras. A protagonista total foi a nosa biblioteca, mellor dito, “A Balteira”, porque como agasallo de cumpreanos decidimos poñerlle un nome. E, chamándose o IES Mendiño, a biblioteca só podía levar por nome A Balteira, xograresa galega do século XIII que formou parte da corte de Afonso X o Sabio e que protagonizou varias cantigas de escarnio por ser unha muller "libre" e por desafiar os canons da súa época. O IES Mendiño é terra de trobadores e trobadoras, que quede claro.

E, como ocorre en todas as festas, realizáronse varias actividades ao redor destes acontecementos anuais coordinadas polo equipo de Biblioteca:

·        O bo facer de Euxenio converteu un simple maniquí na mesma Balteira (con refaixos e todo!) quen, grazas a Susana, estreou unha fermosa camiseta branca na que podiamos ler “Día das Escritoras”. Grazas tamén ao noso “manitas” particular, que fixo a armazón da saia!

·        A saia da Balteira, nesta ocasión, está composta por pósteres elaborados por alumnado de 3º e 4º ESO, profesorado e PAS nos que se recollen a fotografía e as obras de escritoras. Contamos con case 80 pósteres!...; tantos que, ademais da saia da Balteira, tamén serviron para empapelar a sala de lectura en silencio.

·        Miguel Rancaño e Olga, pola súa banda, elaboraron unha pequena exposición ao respecto da Balteira para que todo o alumnado do centro poida coñecer a esta excepcional muller. A tal fin colocáronse na entrada do instituto infografías coa súa vida e crearon unha unidade didáctica. Todo o alumnado do centro baixará nos vindeiros días nunha hora da materia de Lingua Galega para enchouparse desta figura.

·        A Balteira permanecerá na entrada do centro durante uns días e, logo, migrará para a súa casa: a biblioteca.

·        A Balteira, como boa xograresa, tamén quere estar na rede. Así que, da man de Catalina, recuperamos este blog da biblioteca no que poderedes atopar novas, recomendacións lectoras, recensións de libros... e todo o que queirades.

O gran Joan Manuel Serrat cantaba: “e colgaron dun cordel de esquina a esquina un cartel e bandeiras de papel verdes, vermellas e amarelas”. Nós non quixemos ser menos e así o camiño cara á biblio encheuse de globos que, como lucecús, alumeaban a andaina ata a casa do saber, na que o equipo de biblioteca agasallou ao alumnado con marcapáxinas... e tamén con chuches. Olla algunhas das fotografías:

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario