mércores, 11 de marzo de 2026

Foliadas e muíñadas na lingua nai

O pasado 23 de febreiro celebramos o día de Rosalía. A nosa escritora de referencia cumpría 189 anos. 

Comparada comigo, é unha mociña, pois eu nacín seis séculos antes. Malia non sermos coetáneas, estamos xunguidas polo fío vermello da literatura e do amor á terra, que é atemporal e que vai atravesando a historia nunha aperta infinita.
Como non podía ser doutro xeito, ese día vestíronme coa camiseta da miña paisana. Quedábame un pouco grande; pero lucín estupenda. 

A miña saia era unha peza única, porque estaba formada por palabras de cores, por palabras luminosas. Podedes imaxinar algo máis máxico e iluminador? 

Certamente, como recollía o fermoso cartel co que me agasallou Euxenio, “non hai nada que non poidas dicir en galego”. Que certo é e que orgullo ter unha lingua propia, unha lingua de noso. 
Canto vocabulario aprendín! Que posta a punto tan diferente!

Grazas a esta actividade de composición da miña saia souben que eu non sufro triscaidecafobia porque me encanta o número trece; que si teño maniotas cando despois das clases de pilates case me teñen que levar en padiola; que o son que escoito cando me moven está producido por un axóuxere que me coseron no vestido; que a dor que teño na perna é dun raspallón que me fixen cando Maxi me colleu no colo para trasladarme ou que a luz que vexo algunha noite é dun lucecú que ten o seu berce no Mendiño.
Déixovos aquí unha fotiño para que vexades o aquelada que estou!
Parabéns, compañeira Rosalía!

Ningún comentario:

Publicar un comentario