Chegou o 8 de marzo e a biblioteca foi máis Balteira e máis feminista ca nunca. Non teríamos que celebrar o Día Internacional da Muller, porque iso significaría que temos acadado a igualdade... Pero, aínda que se van dando moitos pasiños, como ben di Simone de Beauvoir: “Nunca esquezades que unha soa crise política, económica ou relixiosa será suficiente para volver cuestionar os dereitos das mulleres. Estes dereitos nunca están garantidos. Debedes permanecer vixiantes ao longo da vosa vida”. E, desgrazadamente, témoslle que dar a razón.
Coa premisa de sermos unha biblioteca feminista, demos o mellor de nós neste 8M. Foi un traballo transversal e interdisciplinar, no que traballamos conxuntamente o equipo de biblioteca, o de igualdade, o ENDL, os departamentos de Educación Plástica e Tecnoloxía, vicedirección e os PAS do centro. En fin..., unha chea de persoas mendiñas xunguidas polo fío vermello da igualdade e da Balteira.
Organizáronse e leváronse a cabo diferentes actividades que implicaron a todo o alumnado do centro e a unha boa parte do profesorado.

Un dos fíos condutores veu da man da actividade “Agasállame cunha palabra”. Susana, a profesora de Educación Plástica, fixo un abecedario coas alumnas de 4º ESO. Tamén nos deseñou unha caixa de agasallo. Unha vez que tivemos todas as letras, buscamos palabras relativas á muller con cada unha das letras (fixemos un documento compartido no equipo de igualdade). Saíron palabras fermosísimas: Balteira, aleitar, corresponsabilidade, útero, empoderada, valente, forza, xusta...
Pois ben: pegamos por todo o centro a letra do abecedario e a caixa correspondente. Así, corredores, secretaría, hall de entrada... convertéronse nunha fervenza de palabras femininas e feministas. O noso artista persoal de cabeceira, Euxenio, fixo un fermoso cartel que decorou a entrada do centro.
Outra das actividades tivo como eixo central á Balteira, como non podía ser doutro xeito. Para a ocasión vestiuse ad hoc: combinou unha camiseta morada, que nos lembra que “nin un paso atrás” no camiño da igualdade, e unha saia de gala, feita con panos nos que se recollía a historia do feminismo a través da fotografía e da palabra das mulleres que, ao longo dos séculos, traballaron e loitaron polos nosos dereitos. Porque, como ben nos lembra o fermoso cartel que fixo Susana, a nosa artista e profesora de Plástica, “O feminismo é un movemento con historia”. Nunca a Balteira estivo tan de gala.
Outra das actividades que espertou moito interese foi a que levaba por título “As nenas non queren ser princesas”. Coa colaboración das persoas titoras, pedímoslle a todo o alumnado do centro que escribise que quería ser de maior e recollemos as respostas en pósits de diferentes cores e formas que pegamos nas columnas de entrada do instituto. Paralelamente, as profesoras do centro fixemos unha orla cunha fotografía nosa de pequenas na que puxemos a profesión coa que soñabamos, porque “As mendiñas non queriamos ser princesas”.
Grazas á colaboración do departamento de Tecnoloxía, convertemos a entrada do centro nun firmamento do que colgaban estrelas con nomes e imaxes de mulleres brillantes en todas as disciplinas.
Dúas mesas temáticas con fondos da biblioteca e con préstamos de persoas do equipo, puxeron o broche de ouro a esta manchea de actividades. Sacamos mesas da biblioteca e puxémolas na entrada do centro. Unha das mesas estaba formada por algúns dos fondos sobre feminismo.
A outra estaba composta por libros protagonizados por mulleres loitadoras, fortes e valentes cuxo nome aparecía na portada do libro.
Deixámosvos unhas fotos para que vexades que fermoso lucía o centro!
Ningún comentario:
Publicar un comentario