domingo, 18 de outubro de 2026

Por amor á Balteira!

Por se non queres caldo, sete tazas!

Onte sábado dúas balteiras marcharon a Santiago para asistir ás Xornadas de Bibliotecas Escolares. Este curso o foco de atención situouse na información como paso previo ao coñecemento. Dous ponentes tanto na conferencia de inauguración como na de clausura, falaron sobre as Intelixencias Artificiais. 

Para nós as mesas máis interesantes e nas que aprendemos a man cheas foron aquelas nas que outros centros compartiron ilusión, moito traballo magnificamente desenvolvido e aportaron suxerencias, iniciativas que poden, co tempo, ter bo encaixe na nosa Balteira.

Traemos con nós tantas referencias bibliográficas sobre libro de non ficción, é dicir, sobre fondos informativos para os que temos xa preparadiño e organizado o espazo na Biblioteca, que xa podemos ir mercando boletos de lotería porque precisamos con urxencia cartiños e máis cartiños.

Compartimos con vós varios documentos: o programa das xornadas, o agasallo do camiño lector para o que xa nos peta na cachola unha iniciativa vencellada coa hora de ler, e o folleto que aporta moitas e interesantes lecturas de libro divulgativo.

En fin, cansas pero moi satisfeitas! 

 

martes, 6 de outubro de 2026

Saúdo da Balteira

Benquerida lectora, benquerido lector:

Outra nova tempada para a nosa protagonista que está de noraboa pois, grazas ao traballo desenvolvido o curso pasado, a Consellería de Educación desde a súa Asesoría de Bibliotecas Escolares vén de facer oficial a concesión presupostaria anual: 1265 euros cos que renovar o fondo de armario da nosa benquerida Balteira. 

No noso concello de Redondela, xunto co colexio Santa Mariña, é a gañadora.

En breve, imos compartir con vós as liñas de actuación que guiarán os seus pasos nesta nova andaina que, un curso máis, percorremos con ilusión e con moita ledicia.

Queremos tamén expresar a nosa gratitude aos/ás docentes que fixeron posible o éxito de moitas iniciativas durante o curso pasado.

Punto e seguido, xa que logo, pero con cita: 

"Somos los únicos animales que fabulan, que ahuyentan la oscuridad con cuentos, que gracias a los relatos aprenden a convivir con el caos, que avivan los rescoldos de las hogueras con el aire de sus palabras, que recorren largas distancias para llevar sus historias a los extraños. Y cuando compartimos los mismos relatos, dejamos de ser extraños." (Irene Vallejo, El infinito en un junco). 

martes, 2 de xuño de 2026

Libros de autor/-a

Aproveitando o curso "A biblioteca escolar como centro creativo das aprendizaxes" ao que asistiu a coordinadora da Balteira, Almudena Suárez, o alumnado de 1º de Bacharelato realizou orixinais libros de autor de temática libre. Con esta proposta trabállase a imaxinación, a búsqueda de materiais, a toma de decisións sobre o deseño e un longo etcétera.

En suma, A Balteira convertida en "Crealibro", en "Artelibro" na procura da beleza. Unha firme aposta polo libro como froito da creatividade.

Esta actividade sumamente fermosa aínda está en proceso, pero adiantamos xa unhas fotografías para ir abrindo boca... 

 

Entre xeracións anda o xogo

Isto é o mundo ao revés! En pleno mes de xuño a Balteira publica unha entrada de Nadal...

A Biblioteca, en colaboración con Vicedirección, o 19 de decembro serviu de punto de encontro  entre mozos/-as e maiores, dos que tanto aprendemos sempre. 

O convite recibírono tanto os usuarios do centro de día de Cesantes como os dos Galeóns. Falaron co alumnado de 3º e de 4º de ESO, encargados de entrevistalos na radio; compartiron chocolate con churros e asistiron ao concerto de panxoliñas e cantos populares organizado polo alumnado de Música coa súa docente Lucía Nores. E, tamén desfrutaron do espectáculo de maxia ofrecido pola ANPA do centro. Antes de marchar, recibiron como agasallo unha postal de Nadal creada polo alumnado de Plástica.

sábado, 30 de maio de 2026

Balteiradas

Houbo moitas e variadas durante este curso 2025-2026 como xa amosamos neste blog.

Pero, na derradeira entrada había que recopilar aqueles produtos de "merchandising" que tamén coidaron con mimo a estética e que buscan atraer aos usuarios/-as, ao tempo que fan máis visible a Biblioteca do instituto: xa sempre, A Balteira. 

Na imaxe eliximos a chapa con logo deseñado pola profesora Susana Ferradás e con texto da profesora Olga Nogueira.

Outros detalliños foron os marcapáxinas e os agasallos:

Con repique de campás aquí compartimos a renovada guía da Biblioteca, agora rescatada. Grazas ao profesor Miguel Rancaño polo "savoir faire" violeta: