Parabéns, Balteira!
Porque hoxe sábado, 24 de outono, festexamos o Días das Bibliotecas, o teu día.
Supoño que onte, venres, quedaches leda porque o alumnado do IES Mendiño acudiu a darche moitos aloumiños, que ben os mereces.
Non só desapareceron as larpeiradas en cuestións de segundos, senón que todos e todas solicitaban o teu fío vermello para levar un símbolo cromático no pulso. Tamén saían ilusionados e ilusionadas coas chapas e cos marcapáxinas.
A lenda xaponesa do fío vermello do destino ou do amor ("unmei no akai ito") conta que os deuses ataban arredor do nocelo ou do dedo maimiño do recén nado un fío invisible para simbolizar o encontro futuro coa persoa que o ía querer.
O equipo da Biblioteca aproveitou o símbolo para tecer os teitos do instituto desde a entrada ao centro ata a Balteira. Do fío de la vermella penduramos as cubertas de libros divulgativos, que con urxencia precisamos no útero da nosa xograresa, xunto cos rostros de mulleres escritoras homenaxeadas ao longo deste 2026 por múltiples motivos.
O profesor Miguel Rancaño deseñou unha fermosa infografía que ao longo da semana explicará ao alumnado o valor desa mensaxe.
Este ano o lema elixido valora de xeito especial aos encargados/-as das Bibliotecas: "Sen profesionais, non hai bibliotecas". E a escritora Irene Vallejo, Premio Nacional de Ensaio, exerce como protagonista no vídeo conmemorativo. Aquí deixamos enlace para que poidades aprender un chisco máis e para que saibades querer á Balteira, pois ela moito vos quere a vós.














