Indudablemente, como nais e pais son moitas as nosas dúbidas, as nosas inquedanzas na etapa da adolescencia dos nosos fillos e das nosas fillas. Educar é un verbo de longo percorrido e, desde que decides ser nai e ser pai, tomas conciencia de que ao longo da vida serán moitos os momentos nos que deberás pasar á acción.
Educar porque os queremos moito e porque desexamos que sexan felices, boas persoas, independentes e seguros de si mesmos.
A primeira guía que presentamos -Adolescencia. Una guía sin prejuicios para padres e hijos- ofrece un deseño moi coidado, moi ilustrativo pois está pensado tanto para os proxenitores como para os fillos e as fillas. Nel atoparedes información sobre a pubertade masculina e feminina, sobre saúde mental e non só física, sobre dixitalización, sexualidade, etc.E, falando de sexualidade, moitas veces non sabemos como enfocar esta faceta nas vidas dos nosos fillos/-as. Se cabe, este outro libro pode servir de axuda xa que desvela o enfoque axeitado en cada unha das etapas polas que irán transitando os nosos fillos desde cativos ata que chegan á adolescencia. Sempre será preferible a información veraz que aquela á que acceden por camiños contraproducentes. Aprender xuntos pode ser unha experiencia enriquecedora e non deberiamos converter asuntos centrais da nosa existencia en temas tabú.
A día de hoxe ben sabemos dos estragos que causan algúns xogos, as redes sociais, as páxinas de Internet desaconsellables segundo a idade da rapazada... O alarmante consumo de pornografía entre nenos ou entre mozos dificulta que a visión sobre a sexualidade sexa a adecuada. Agora máis que nunca é preciso charlar con eles e con elas para evitar confusións, para que na etapa adulta poidan disfrutar da vida sexual de xeito positivo.
Outras das propostas que lanzamos desde a Biblioteca pasan por aquelas corredoiras xa vencelladas coa motivación, co esforzo, coa mellora da atención que, como ben sabemos, todos e todas percibimos deteriorada polo consumo abusivo das pantallas.
Sobre a importancia da constancia e da resiliencia, sobre como fixar metas realistas e, moi importante, sobre como manexar o fracaso fala o libro de Ana Roa: Cómo educar en la cultura del esfuerzo. Outras lecturas que agora vos mencionamos son: Mentes motivadas e Como mellorar a atención. E, finalmente, a colección "Saber vivir" en formato de breves guías trata asuntos como Emocións e sentimentos ou Trastornos da alimentación.En resumidas contas, agardamos por vós porque tamén sodes usuarios e usuarias da nosa Biblioteca!




Ningún comentario:
Publicar un comentario