xoves, 28 de maio de 2026

Vestida de Prada sen demos!

Chegados case ao remate do curso, a que se adicou mes tras mes a nosa benquerida compañeira María A Balteira? 

Pois non só a artellar todas as actividades das que demos cumprida conta no seu blog, senón tamén a reorganizar os fondos, tanto os de ficción como os informativos porque estes andaban xuntos e moi revoltos. E, aínda, nesas estamos porque é o conto de nunca acabar...

Pero, como tamén a Balteira foi de compras, ela que é ben presumida trouxo ata mobles novos, vinilos, cartelería fina que fan do espazo igualitario e colectivo, que todos e todas compartimos, o útero acolledor e morniño que tanto lle gusta visitar ao alumnado durante os recreos.

Pois nada, botade unha ollada ás fotografías que amosan o traballo desenvolvido paso a paso e, ante todo, non vos esquezades de que en setembro aquí seguiremos máis e mellor ca nunca. 

Así luce a porta principal de entrada á Balteira:

Tachán! Con todos e con todas vós a zona de lectura relaxada pero en silencio, que fai tamén por veces función de espazo da calma no instituto: 

 Preparados e preparadas para entrar pola porta violeta? Así estou de linda por dentro!:

espazo dos xogos e de cómic 
zona de traballo e mesas para xadrez ao fondo 
lugar de traballo e de estudo 
 
E, grazas ao noso benquerido Euxenio, o vindeiro curso será toda unha experiencia ir na procura dos fondos de ficción pois a sinaléctica deseñada por este profesional da arte nada envexa ás letras capitulares valleinclanianas:
 

Maio literario

Chegou maio e rematamos as actividades do curso do mellor xeito posible: coa porta da literatura que, como ben sabedes, é unha porta sempre aberta. Maio, mes das flores, foi tamén un maio literario. Porque como ben di un dos carteis presentes no Mendiño: en tempos de tantas pantallas e de tanta IA, ler é un acto revolucionario.

Todo comezou como comezan as mellores cousas: compartindo un café. Mónica Tortajada, a profesora de Tecnoloxía, falounos dunha actividade que consistía en recrear libros a tamaño real e en tres dimensións. Encantounos e... puxémonos mans á obra. 

Mandamos un correo a todo o persoal docente e non docente do centro pedíndolle que nos indicase o título dun libro especial para cadaquén. Fíxose unha listaxe de aproximadamente 60 títulos que dividimos en catro partes, de xeito que as tres persoas docentes de Tecnoloxía (Mónica, Ana e Pedro Pablo) e a coordinadora de biblioteca encargáronse cada unha de 15 exemplares que recreamos a dimensión real en 3D e pegamos pola entrada do centro.

Esta exposición de libros, cada un coa súa plica, estivo acompañada por outra exposición artística comisariada polo gran Euxenio, quen reciclou as caixas das fresas, pintándoas de dourado e pegándolle papel kraft de cores. Convertéronse así en fermosos marcos que non desmerecían os do Museo do Prado. Xa tiñamos o marco, agora faltaban as obras de arte, que eran debuxos e frases ao respecto da lectura. Frases do tipo: “primeiro Leo, después Messi”; “o meu signo é leo”; “se as súas crianzas non lle piden que lles regale libros, regale ás súas crianzas”, “haber se les”.... vestiron literariamente o Mendiño.

Seguro que vos estades preguntando pola Balteira. Pois a Balteira transformouse en Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada este ano o Día das Letras Galegas.

  

En fin, unha entrada e unha saída do centro cheas de boa literatura e de boa información lectora. Deixamos aquí outra fotiño para que poidades desfrutar:

Na imaxe elixida, cadro de Allan R. Banks, "Leyendo en una tarde soleada". 

Na estela da ALFIN I

Tras a proposta de nomear a biblioteca do IES e co fin de coñecermos a relevancia da figura da soldadeira María Perez, a Balteira, o alumnado de terceiro da ESO realizou un traballo de investigación a modo de aprendizaxe servizo baixo a coordinación do profesor de Lingua galega e literatura, Miguel Rancaño Míguez. 

Como produto final elaborouse unha infografía exposta na biblioteca e acompañada dun cuestionario de ampliación de información. 

Entre os obxectivos desta proposta destacamos o tratamento da información a partir dunha busca activa en diferentes fontes bibliográficas, así como outras competencias transversais como a competencia en lectura e en expresión oral e escrita, a autonomía, a educación en igualdade e a reflexión crítica.

 

Pola súa banda, Almudena Suárez, profesora de Relixión Católica, apostou no mes de maio pola máis radical modernidade co alumnado de 1º e de 2º de ESO. Este buscou información ao respecto dos personaxes bíblicos e, logo de redactar unha breve biografía, cos computadores E-dixgal e coa axuda da IA converteu estes personaxes en heroes e heroínas ou en villanos/-as.

E, o alumnado de 4º de ESO desenvolveu a actividade Bibliagram, consistente en elaborar perfís de "Instagram" para os personaxes bíblicos a partires da realización da súa biografía. Estas actividades desenvolvidas coa IA tamén nos permitiron analizar o sesgo de xénero desta potente ferramenta, pois as figuras masculinas aparecen sempre moi poderosas e as femininas, demasiado sexualizadas. 

 

domingo, 3 de maio de 2026

Con versos e con rimas para a Balteira

A data do 21 de marzo vai asociada á poesía desde que a UNESCO o proclamou en 1999. A poesía, como expresión literaria, fala da humanidade común e dos valores compartidos. Moitas veces o poema serve como mensaxeiro da paz e do diálogo lingüístico-cultural.

No IES Mendiño tamén quixemos poñer de gala o centro, a nosa Biblioteca e, como non, á Balteira. A súa saia lucía chea de cores e de "haikus" tal como anunciaba o cartel "Dillo á Balteira cunha poesía": 

  
 
O alumnado de 4º ESO A e B xunto co alumnado de 2º ESO B e C adicouse a escribir estas breves composicións poéticas de longa tradición na lírica xaponesa coas que puidemos crear o "tendal da poesía": 

 
Asemade, as portas de entrada ao instituto e á Biblioteca daban a benvida ao equinoccio da primavera con cores, luz e moita creatividade:

E esa mesma creatividade engalanou a mesa cos fondos da Balteira e outra na que a comunidade educativa podía escoller "poesía para levar" e ser disfrutada en paz, a soas ou en boa compaña: 

mércores, 11 de marzo de 2026

Feminismo "of course"!

Chegou o 8 de marzo e a biblioteca foi máis Balteira e máis feminista ca nunca. 

Non teríamos que celebrar o Día Internacional da Muller, porque iso significaría que temos acadado a igualdade... Pero, aínda que se van dando moitos pasiños, como ben di Simone de Beauvoir: “Nunca esquezades que unha soa crise política, económica ou relixiosa será suficiente para volver cuestionar os dereitos das mulleres. Estes dereitos nunca están garantidos. Debedes permanecer vixiantes ao longo da vosa vida”. E, desgrazadamente, témoslle que dar a razón.

Coa premisa de sermos unha biblioteca feminista, demos o mellor de nós neste 8M. Foi un traballo transversal e interdisciplinar, no que traballamos conxuntamente o equipo de biblioteca, o de igualdade, o ENDL, os departamentos de Educación Plástica e Tecnoloxía, vicedirección e os PAS do centro. En fin..., unha chea de persoas mendiñas xunguidas polo fío vermello da igualdade e da Balteira.
Organizáronse e leváronse a cabo diferentes actividades que implicaron a todo o alumnado do centro e a unha boa parte do profesorado.

Un dos fíos condutores veu da man da actividade “Agasállame cunha palabra”. Susana, a profesora de Educación Plástica, fixo un abecedario coas alumnas de 4º ESO. Tamén nos deseñou unha caixa de agasallo. Unha vez que tivemos todas as letras, buscamos palabras relativas á muller con cada unha das letras (fixemos un documento compartido no equipo de igualdade). Saíron palabras fermosísimas: Balteira, aleitar, corresponsabilidade, útero, empoderada, valente, forza, xusta...

Pois ben: pegamos por todo o centro a letra do abecedario e a caixa correspondente. Así, corredores, secretaría, hall de entrada... convertéronse nunha fervenza de palabras femininas e feministas. O noso artista persoal de cabeceira, Euxenio, fixo un fermoso cartel que decorou a entrada do centro.

Outra das actividades tivo como eixo central á Balteira, como non podía ser doutro xeito. Para a ocasión vestiuse ad hoc: combinou unha camiseta morada, que nos lembra que “nin un paso atrás” no camiño da igualdade, e unha saia de gala, feita con panos nos que se recollía a historia do feminismo a través da fotografía e da palabra das mulleres que, ao longo dos séculos, traballaron e loitaron polos nosos dereitos. Porque, como ben nos lembra o fermoso cartel que fixo Susana, a nosa artista e profesora de Plástica, “O feminismo é un movemento con historia”. Nunca a Balteira estivo tan de gala.
Outra das actividades que espertou moito interese foi a que levaba por título “As nenas non queren ser princesas”. Coa colaboración das persoas titoras, pedímoslle a todo o alumnado do centro que escribise que quería ser de maior e recollemos as respostas en pósits de diferentes cores e formas que pegamos nas columnas de entrada do instituto. Paralelamente, as profesoras do centro fixemos unha orla cunha fotografía nosa de pequenas na que puxemos a profesión coa que soñabamos, porque “As mendiñas non queriamos ser princesas”.

Grazas á colaboración do departamento de Tecnoloxía, convertemos a entrada do centro nun firmamento do que colgaban estrelas con nomes e imaxes de mulleres brillantes en todas as disciplinas.

Dúas mesas temáticas con fondos da biblioteca e con préstamos de persoas do equipo, puxeron o broche de ouro a esta manchea de actividades. Sacamos mesas da biblioteca e puxémolas na entrada do centro. Unha das mesas estaba formada por algúns dos fondos sobre feminismo.  

A outra estaba composta por libros protagonizados por mulleres loitadoras, fortes e valentes cuxo nome aparecía na portada do libro.

Deixámosvos unhas fotos para que vexades que fermoso lucía o centro!