venres, 31 de outubro de 2025

Un "outfit" renovado para a Balteira

Á Balteira góstalle moito cambiar o fondo de armario e tamén é moi nostálxica. Como botaba en falta a súa zona de lectura en silencio, reivindicou os seus dereitos.

Supoñemos que xa vos decatástedes, desde o arranque deste curso 2025-2026, dos cambios que buscan crear un ambiente con orde e con encanto nos dous espazos principais da Biblioteca do centro: a zona de estudo e de xestión dos fondos; a de lectura en silencio a carón da radio.

Aínda queda moito traballo por facer, mais as diferencias entre como a atopamos o 1 de setembro e a día de hoxe podedes comparalas deste xeito:

ANTES






 

mércores, 29 de outubro de 2025

Buxainas ao camiño e noces a roliño!

A Balteira non para!

Agora deulle por prepararvos mesas temáticas segundo a festa conmemorativa anual na que toque disfrutar. 

É tempo de samaín e tempo de magosto, por iso elixiu esta proposta variada de cine e lectura. 

Na Biblioteca podes escoller entre o film El silencio de los corderos, películas de Hitchcok (Sospecha, Vértigo) ou acompañar a Fiz de Cotovelo xunto coa Santa Compaña en El bosque animado, entre outras suxestións.

En literatura xuvenil e en cómic tamén poden facer as delicias de todos e todas El extraño caso del doctor Jekyll y el señor Hide, El señor de las moscas, Mortos en vida, Tres historias para ler á noite, O libro dos aparecidos ou os volumes Relatos de monstruos ou Relatos de fantasmas.

Xa dentro da literatura non xuvenil, dous clásicos non poden faltar na Biblioteca: Drácula e Frankenstein

No mes de Santos, se desexas vivir emocións fortes, se es dos entusiastas do medo e do terror..., agardamos que a nosa escolma cause en ti momentos arrepiantes...

venres, 24 de outubro de 2025

SON A BALTEIRA!

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas. No IES Mendiño conmemorámolo xunto co Día das Escritoras. A protagonista total foi a nosa biblioteca, mellor dito, “A Balteira”, porque como agasallo de cumpreanos decidimos poñerlle un nome. E, chamándose o IES Mendiño, a biblioteca só podía levar por nome A Balteira, xograresa galega do século XIII que formou parte da corte de Afonso X o Sabio e que protagonizou varias cantigas de escarnio por ser unha muller "libre" e por desafiar os canons da súa época. O IES Mendiño é terra de trobadores e trobadoras, que quede claro.

E, como ocorre en todas as festas, realizáronse varias actividades ao redor destes acontecementos anuais coordinadas polo equipo de Biblioteca:

·        O bo facer de Euxenio converteu un simple maniquí na mesma Balteira (con refaixos e todo!) quen, grazas a Susana, estreou unha fermosa camiseta branca na que podiamos ler “Día das Escritoras”. Grazas tamén ao noso “manitas” particular, que fixo a armazón da saia!

·        A saia da Balteira, nesta ocasión, está composta por pósteres elaborados por alumnado de 3º e 4º ESO, profesorado e PAS nos que se recollen a fotografía e as obras de escritoras. Contamos con case 80 pósteres!...; tantos que, ademais da saia da Balteira, tamén serviron para empapelar a sala de lectura en silencio.

·        Miguel Rancaño e Olga, pola súa banda, elaboraron unha pequena exposición ao respecto da Balteira para que todo o alumnado do centro poida coñecer a esta excepcional muller. A tal fin colocáronse na entrada do instituto infografías coa súa vida e crearon unha unidade didáctica. Todo o alumnado do centro baixará nos vindeiros días nunha hora da materia de Lingua Galega para enchouparse desta figura.

·        A Balteira permanecerá na entrada do centro durante uns días e, logo, migrará para a súa casa: a biblioteca.

·        A Balteira, como boa xograresa, tamén quere estar na rede. Así que, da man de Catalina, recuperamos este blog da biblioteca no que poderedes atopar novas, recomendacións lectoras, recensións de libros... e todo o que queirades.

O gran Joan Manuel Serrat cantaba: “e colgaron dun cordel de esquina a esquina un cartel e bandeiras de papel verdes, vermellas e amarelas”. Nós non quixemos ser menos e así o camiño cara á biblio encheuse de globos que, como lucecús, alumeaban a andaina ata a casa do saber, na que o equipo de biblioteca agasallou ao alumnado con marcapáxinas... e tamén con chuches. Olla algunhas das fotografías:

 

luns, 13 de outubro de 2025

Visibilizando en feminino

Hoxe, 13 de outubro, é un día en feminino. Desde 2016 e por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, xunto co apoio das asociacións feministas, celébrase o "Día das escritoras" por ser a data máis próxima ao 15 de outubro, día no que faleceu Santa Teresa de Jesús (1515-1582), unha das grandes entre as escritoras e poetas en lingua castelá.

Este ano, ao coincidir cos actos que xiran arredor do pasamento do dictador Francisco Franco, o lema elixido é "1975: ¡Escribid, compañeras!" como clara homenaxe ás mulleres que reivindicaron liberdade e igualdade nos anos da dictadura e durante a etapa da Transición. Pero, asemade, cúmprense dez anos desta necesaria iniciativa.

Aquí deixamos o hashtag: #DíadelasEscritoras

En breve, a nosa Biblioteca tamén replicará os actos celebrados ao longo deste luns de outono. 

domingo, 12 de outubro de 2025

Parabéns!

O Ministerio de Cultura e Deporte, a través da Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura e da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas cada 24 de outubro

Esta iniciativa partiu en 1997 da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, coa colaboración e co apoio de ANELE (Asociación Nacional de Editores de Libros y Material de Enseñanza) e do Ministerio de Educación e Formación Profesional. En 1992 a Biblioteca Nacional de Saraxevo quedou totalmente derruída debido ao conflito bélico dos Balcáns. Esta foi a imaxe gravada na mente do mundo: o músico Vedran Smailovic tocou o seu violonchelo entre os lixos do fermoso edificio.

A edición deste ano, baixo o doble lema "Aptas para todos os públicos" e “Contra a desinformación: bibliotecas”, destaca o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que dan acceso á información e á súa veracidade en tempos de bulos.

Asemade, os “hasttaggs” que podemos empregar nas redes sociais son: #DíaDasBibliotecas #ContraaDesinformaciónBibliotecas. O obxectivo é converter a conmemoración en “trending topic”. 

E na nosa Biblioteca do IES Mendiño, que actividades propoñemos?

En breve, haberá máis novas... Atentos e atentas! 

sábado, 11 de outubro de 2025

Para mamis e papis I

Con esta nova entrada do blog queremos abrir un espazo para as familias, unha ventá desde a que olledes a nosa Biblioteca con recursos e fondos que poidan resultar do voso interese.

Indudablemente, como nais e pais son moitas as nosas dúbidas, as nosas inquedanzas na etapa da adolescencia dos nosos fillos e das nosas fillas. Educar é un verbo de longo percorrido e, desde que decides ser nai e ser pai, tomas conciencia de que ao longo da vida serán moitos os momentos nos que deberás pasar á acción.

Educar porque os queremos moito e porque desexamos que sexan felices, boas persoas, independentes e seguros de si mesmos. 

A primeira guía que presentamos -Adolescencia. Una guía sin prejuicios para padres e hijos- ofrece un deseño moi coidado, moi ilustrativo pois está pensado tanto para os proxenitores como para os fillos e as fillas. Nel atoparedes información sobre a pubertade masculina e feminina, sobre saúde mental e non só física, sobre dixitalización, sexualidade, etc.

E, falando de sexualidade, moitas veces non sabemos como enfocar esta faceta nas vidas dos nosos fillos/-as. Se cabe, este outro libro pode servir de axuda xa que desvela o enfoque axeitado en cada unha das etapas polas que irán transitando os nosos fillos desde cativos ata que chegan á adolescencia. Sempre será preferible a información veraz que aquela á que acceden por camiños contraproducentes. Aprender xuntos pode ser unha experiencia enriquecedora e non deberiamos converter asuntos centrais da nosa existencia en temas tabú. 

A día de hoxe ben sabemos dos estragos que causan algúns xogos, as redes sociais, as páxinas de Internet desaconsellables segundo a idade da rapazada... O alarmante consumo de pornografía entre nenos ou entre mozos dificulta que a visión sobre a sexualidade sexa a adecuada. Agora máis que nunca é preciso charlar con eles e con elas para evitar confusións, para que na etapa adulta poidan disfrutar da vida sexual de xeito positivo.

Outras das propostas que lanzamos desde a Biblioteca pasan por aquelas corredoiras xa vencelladas coa motivación, co esforzo, coa mellora da atención que, como ben sabemos, todos e todas percibimos deteriorada polo consumo abusivo das pantallas.

Sobre a importancia da constancia e da resiliencia, sobre como fixar metas realistas e, moi importante, sobre como manexar o fracaso fala o libro de Ana Roa: Cómo educar en la cultura del esfuerzo. Outras lecturas que agora vos mencionamos son: Mentes motivadas e Como mellorar a atención. E, finalmente, a colección "Saber vivir" en formato de breves guías trata asuntos como Emocións e sentimentos ou Trastornos da alimentación

En resumidas contas, agardamos por vós porque tamén sodes usuarios e usuarias da nosa Biblioteca! 

domingo, 5 de outubro de 2025

Libro de outubro

Neste mes de outubro tamén nace outra actividade de fomento da lectura: o libro do mes. 

Coa chegada do outono, que se fai de rogar, imos propoñer unha lectura sabia e amena, comprometida coa igualdade e con nome de muller.

Cando reflexionas sobre o título, arrepíaseche o corpo: tan só 58 mulleres destacaron fronte a 885 homes que si conseguiron o galardón do Premio Nobel?

Este traballo magnífico de visibilización foi realizado polo alumnado do noso IES Mendiño e ideado pola actual coordinadora da Biblioteca durante este bienio 2025-2027, Almudena Suárez Cerviño. Si, si, a profesora de Relixión Católica do IES Mendiño!

Concibiuno, como ela nos aclara no prólogo, con varios obxectivos acadados con sumo acerto tanto na síntese de imaxe e biografía, como na maquetación do libro. Como vedes, xa diriximos a ollada cara o libro de non ficción para saber máis mentres tomamos conciencia fronte a realidade.

Feixe de lecturas

Presentamos unha selección das nosas últimas adquisicións. Polo de agora, tócalle á ficción pero en breve veredes que todas as seccións da Biblioteca van medrar pensando ante todo nas familias, no noso alumnado e nos diversos intereses de toda a comunidade educativa.

Aínda que a versión máis coñecida dun dos dez libros máis vendidos é Diez negritos, a editorial Espasa recupera o título orixinal inglés e presenta Y no quedó ninguno da afamada autora de novela negra: Agatha Christie. Agardaremos ás reseñas do alumnado de 2º de ESO para que eles mesmos sexan os que opinen sobre esta maga do suspense.

 
Ben sabemos que durante as vacacións de verán todos e todas facemos decisivos descubrimentos e algúns gardan relación coa lectura: Paradero desconocido da novelista norteamericana Kathrine Kressmann Taylor é un deles. Trátase dunha novela curta pertencente ao xénero epistolar e con trasfondo histórico. Contarémosvos no mes de novembro que opinaron os vosos compañeiros e compañeiras de 4º de ESO. 

 

E xa para rematar polo de agora, outras dúas novidades para a nosa Biblioteca: La piel fría de Albert Sánchez Piñol e a versión en novela gráfica de Diario de Ana Frank.
A primeira e inquedante proposta mistura a ciencia ficción co terror, ingredientes idóneos para que xa en 2017 coñecese a súa adaptación ao cinema.
A segunda xa non precisa presentación. Segue a ser para moitos lectores e lectoras un libro que marca e que non nos deixe indiferentes ante o horror. 


Desexamos que sexan do agrado de todos e de todas!  

sábado, 4 de outubro de 2025

Hora de ler 2025-2026

 

 
O luns 6 de outubro alumnado e profesorado retomamos no noso centro a "hora de ler" en toda a etapa da ESO.

A primeira hora da mañá acudiremos con libro de lectura en formato non dixital.

Lembremos, pois, que a lectura nos ordenadores portátiles non tén cabida dentro das aulas.

Como dicía Jorge Luis Borges, o libro é "extensión de la memoria y de la imaginación". Desfrutemos, xa que logo, deste tempo semanal enriquecedor e pracenteiro. 

Aquí poderedes consultar o calendario durante este primeiro trimestre:

venres, 3 de outubro de 2025

Rexurdimento

Benvidos e benvidas ao novo blog da Biblioteca do IES Mendiño de Redondela!

Quen desde estas novas páxinas desexamos saudarvos tan só pretendemos alumear o camiño que conduce a un dos moitos praceres da vida: a lectura que tamén leva da man ao coñecemento.

Ambos son bos compañeiros e boas compañeiras en andainas compartidas e disfrutadas con intensidade.

Somos moi conscientes de que todo ou case todo anda xa inventado... O deseño do novo blog xa o teredes atopado nas vosas viaxes coma internautas. Pero a nós, hai xa moito tempo, enamorounos Pomelo e como "a miúdo" soñaba coas flores do dente de león... Que lle imos facer, a nostalxia levounos ata este deseño finalmente elixido.